A VER OS ADULTOS SE APRENDEN A SE COMPORTAR NA PRAIA E DEIXAN A NENAS E NENOS XOGAR TRANQUILOS.
A VER OS ADULTOS SE APRENDEN A SE COMPORTAR NA PRAIA E DEIXAN A NENAS E NENOS XOGAR TRANQUILOS.
As temperaturas tan altas aínda que esteamos en xuño animan a baixar á praia. Cando estás chegando daste conta de que todo o mundo tivo a mesma idea e hai bastante xente, moita xente, xente demais, por enriba a marea comeo medio areal. Non te desanimas, has atopar un lugar para estirar a túa toalla, na procura da ubicación axeitada rexeitas calquera sitio onde haxa #crianzas, e non é porque me amolen os #pícaros, o que me custa moito aguantar é o comportamento dos seus #proxenitores.
Pois non andastes fina e foches sentar non moi lonxe de varias peroas acubilladas baixo sendas umbrelas. De primeiras todo ía ben, despois dun paseo pola beiramar e un baño non moi longo a temperatura da auga recomendaba iso, voltaches para a túa toalla con toda a idea de ler un anquiño dun libro de bolsillo que mercaches o outro día nunha tenda de segunda man e da autoría de Antonio Gala titulado “La casa sosegada”. E si, puideches ler os primeiros parágrafos que te conmoveron e dos que gozaches cada palabra. Mais de súpeto escoitas un neno pequeno chorar, non sei dous anos quizais, dirixes o pescozo cara o son e a imaxe era a seguinte: pai duns, poñamos, oitenta kilos co pequeno, que pesaría por aí dez quilos como moito, enriba das pernas e arrodeando nun abrazo, que non era unha aperta cariñosa senón que o está trabando para que non se mova. Tal manobra pode ser aconsellable só en casos en que un neno entre nun bucle de violencia tal que a súa integridade física corra perigo, non, coma neste caso, para que abra a boca e engula aquel plátano que o seu pai lle quere introducir á forza.
A nai sentada en fronte, sorrí muda e inmobil, e ata parece insensible ós berros de; mami, mami, que entre saloucos pronuncia a critatura.
Empezas a recoller os teus tarecos porque sabes que aquilo non vai ir ben, e porque nun momento xa viñes a man do adulto dándolle unhas labazadiñas nas cañas do meniño, e apertando máis aquel abrazo inmobilizador.
Escapaches de ali, porque contemplar escenas destas resultache sumamente violento, sobre todo dende que te dedicaches a escoitar a ese neno interior que levas dentro que está conectado con todos os nenos e nenas e que non soporta sentir os seus choros nin contemplar impasible como o están maltratando.
Seguro que moita xente pensará que é unha esaxeración máis ti sabes que non, que non é así, que a desproporción física e mental e abismal, que a criatura non ten posibilidade ningunha de defensa, física dende logo que non, pero nin siquera é quen de verbalizar o seu malestar porque aínda non controla a linguaxe dun xeito que lle permita dicir:
—Papá, estasme apertando moito, non me gusta que me obrigues a comer cando non teño fame. Tranquilo, non te preocupes que non hei morrer de fame, daquí a un anaquiño cando remate de carretar toda a auga do mar para esta miña piscina seguro que me ha de vir o apetito..
Creo sinceramente que se os adultos puideramos autocontemplarnos en certas actuacións arrepiariánsenos os pelos.
Confiade un pouco na xente miúda, por favor, hanvos sorprender. E procurade o voso neno interior e fundamental que faledes con el, que teñades unha boa conexión, se non, ha vos de facer a vida imposible.
Martina Carracedo
Imaxe de: www.pinterest.com