Profecía autocumplida
O móbil soou coma cada día as 7 da mañá, apagouno con desgana e acochouse coas mantas para non escoitar; segundo aviso, xa non se podía atrasar máis, arrastrouse cara a sala de baño para mexar, logo á cociña onde tomou rapidamente un café negro, consultou algunhas novas no móbil, e de seguido para a ducha.
Seguía a súa rutina de movementos mecánicos, automáticos, inconscientes, logo de anos de repetición.
Envolveita na toalla, achegouse ó lavabo, unha ollada rápida e esquiva ó espello que reflectiu a imaxe dunha muller aínda nova, pero cunhas enormes e azuladas olleiras, algunhas engurras moi marcadas na fronte, e un ollar tristeiro, non se parou naquela imaxe, non lle aquelaba.
Xa no dormitorio dubidou un pouco sobor da roupa a poñer, pero cumprialle o tempo, polo que, apañou os mesmos pantalóns do día anterior, casados hoxe cunha brusa de cor diferente, pero moi semellante e tamén repetiu botas.
De volta no baño para os últimos retoques; pieitarse un pouco, estender un chisco de escuma polos cabelos, e darlle un aire de cor ós beizos, pero; non atopou o peite, o tarro da escuma caeu no chan e cando se ergueu e tornou a ver a súa imaxe reflectida, pensou ou quizais pronunciou:
—vai ser outro día de merda.
—¿parecerache bonito?, ¡asasina de días recén nados!— respostou unha voz ronca dende algures.
—Estoume a volver tola, o estrés estame xogando malas pasadas, realmente non hai dúbida de que preciso parar, unhas vacacións, iso é o que cómpre.
—¿Unhas vacacións?, non amiga, ti o que precisas é unha revolución, non te das conta da vida que levas; sempre fas as mesmas cousas, ás mesmas horas, levas a mesma roupa, vas o mesmo traballo, polo mesmo camiño e así un día e outro e outro— retruncou o zombi que amosaba os seus enormes dentes dende o espello.
Liscou a fume de carozo, agarrou o bolso e a chaqueta da alcándara, e saíu dando un tremendo portazo, nembargante tivo que retroceder porque se esquecera de coller as chaves.
Andou a distancia que separaba a súa casa da estación do tren, a paso lixeiro, sen mirar para os lados, porque cada espello de coche, cada escaparate de comercio e todas as ventás de todas as casas reflectían a imaxe daquel Zombi, de enormes dentes.
Cando, por fin, sentou no seu tren en dirección o centro fixoo o máis afastada posible da fiestra, aconchengouse para atrás, e pechou os ollos.
Emporiso, sentiu outra volta aquela voz misturada co sonsonete monótono do tren:
—non penses que te vas desfacer de min así tan axiña— dixo o zombi.
—pero qué o que queres.
—axudarche, non podes seguir matando os teus días.
—que dis, eu non mato nada, limítome a ir tirando.
—tirando a túa vida, certamente.
O tren detívose, instintivamente ergueu a mirada cara o letreiro luminoso, pero, en troques do nome que esperaba atopar, apareceu de novo aquela pavorosa imaxe que a perseguía
Levantouse, un intre antes de que o tren pechara as súas portas mecánicas, que case a apachocan no medio, a gabardina quedoulle enganchada e tivo que dar un forte tirón para se liberar, alguén quixo botarlle unha man quizais coa intención de axudala, pero ela desprendeuse case con violencia e remoendo algo entre dentes.
Camiñou sen rumbo, de primeiras moi rápido, algo máis lento despois, como se o movemento a tranquilizase, detívose un intre e votou unha ollada ó seu arredor, para saber onde é que estaba, recoñeceo o sitio, non estaban lonxe da súa oficina e cara alá que se encamiñou.
Estaba a piques de chegar, só,quedaba, atravesar a zona de aparcamento que precedía a entrada no enorme edificio de oficinas, cando viu (imaxinou) unha vaca marela que lambía o cristal húmido dun Mercedes 300 de cor vermella, pechou e abriu os ollos, pero, a vaca non desapareceu, pola contra engadiuse outra máis que a mirou cos seus sorprendidos e enormes ollos
—isto non está pasando, isto non está pasando— empezou a dicirse, mentres seguiu camiñando cara a porta de entrada a bo paso, de súpeto notou algo brando debaixo do pé dereito, ¡por deus! estaba afundida até media perna nunha enorme, quente e mol bosta.
—¡merda¡ ¡merda¡ ¡merda!.
—pois si, agora si, teimaches en que fóra un día de merda e aí o está— dixo o zombi afastándose con andares cambaleantes.
Martina Carracedo