Alguén me roubou tres momentos máxicos

A primeira vez que vin un vídeo dun recén nacido reptando polo ventre da súa nai, torpe pero arroutado, lento pero seguro,  ata  acadar o seu fin que non é outro que o pezón da teta e comezar  a chuchar, goloso,  coma se lle fora (é así era noutras épocas) a vida nise xesto,  sentín unha grande emoción, e  o mesmo tempo sentín,  tamén, unha rabia infinita, por que  me din conta de que alguén nos roubon tres momentos máxicos a min e ós meus fillos.

A miña filla maior naceu por cesárea, cando iso requería anestesia total, e un ingreso hospitalario duns 9 días, xa que logo, cando alguén me comunicou que tiña unha filla, aínda sen despertar desa pequena morte finxida, supoño que non estaba para caralladiñas,  máis ben un algo ou un moito asustada ó ir descubrindo que estaba toda chea de agullas e tubos nun lugar estrano.

Nos oitenta a medicalización do nacemento era total, e índa tiven sorte de que ma puxeran na teta, daquelas levábase o de que che puxeran unha inxección para evitar a baixada do leite e asemade todo ise incordio que supuña amamantar.

A miña segunda filla, naceu catro anos máis tarde, nunha cidade distinta, pero rodeadas, ámbalas dúas,  da mesma frialdalde aséptica, por mor de que tivera unha cesárea previa puxeronme unhas cinchas darredor da barriga, seica,  para controlar os latidos, e alí me deixaron soa coma un can, nunha habitación sen ninguén que me dirixira unha palabra amable, nun momento que se supón tan especial, ¡por deus!.

O meu derradeiro fillo naceu  tres anos despois da súa irmá, e tivemos a sorte el mais eu de que foi un parto tan rápido que non lles deu tempo a facernos conachadas, e vivino moito máis,  non houbo cinchas, nin sala de dilatación nin nada diso, malia a todo, outra vez, co gallo da cesárea antedita, inda me durmiron un anaco despois de parilo, e volveron a roubarnos o noso momento.

Non son das que defende que calquera tempo pasado foi mellor, nada diso, a sanidade axudou  a mellorar moito a nosa calidade de vida e a reducir drasticamene a mortandade infantil, de todos é coñecido este dato, pero  eu creo que podemos e, aínda, debemos mellorar e conxugar sanidade con humanidade  e non roubarlle a nais e fillos eses primeiros momento de maxia.

Martina Carracedo

Mostrar comentarios