“Vindicación dos dereitos da Muller” de Mary Wollstonecraft.

«INTRODUCCIÓN DA AUTORA

Logo de considerar o devir histórico e contemplar o mundo vivo con cobizosa solicitude, as emocións máis morriñentas de indignación desconsolada oprimiron o meu espírito e láiome de me ver na obriga de confesar tanto que a Natureza ten establecido unha gran diferencia entre un home e outro como que a civilización que até agora houbo no mundo foi moi parcial.  Repasei varios libros sobre educación e observei pacientemente a conducta dos pais e a administración das escolas. Cal foi o resultado? A profunda convicción de que a educación descoidada das miñas semellantes é unha gran fonte de calamidade que deploro e que as mulleres, en particular, fanse débiles e depreciables por unha sorte de causas concorrentes, orixinadas nunha conclusión precipitada. A conducta e os modais das mulleres, de feito, proban con claridade que as súas mentes non se atopan nun bo estado de saúde, porque o mesmo que as flores plantadas nunha terra rica demais, a forza e proveito sacrificase á beleza, e as follas suntuosas, logo de teren resultado gozosas a unha mirada esixente, murchan e abandonan o talo moito antes do tempo en que terían que chegar a sazón. Imputo unha das causas deste florecer estéril a un sistema de educación falso, organizado mediante os libros que sobre o tema escribiron homes que, ó considerar ás mulleres máis como tales que como criaturas humanas, amosáronse máis dispostos a facer delas damas sedutoras ca donas e nais racionais; e esta homenaxe enganosa distorsiona tanto a comprensión do sexo, que as mulleres civilizadas do noso século, cunhas poucas excepcións, só desexan afervoadamente inspirar amor, cando deberían abrigar unha ambición máis nobre e esixir respecto pola súa capacidade e virtudes.

Xa que logo, nun tratado sobre o dereitos e costumes das mulleres, non se deben esquecer as obras escritas expresamente para o seu perfeccionamento, en especial cando se afirma con termos directos que as mentes femininas se atopan debilitadas por un refinamento falso, que os libros de instrución escritos por homes de talento presentan a mesma tendencia que as producións máis frívolas, e que, ó verdadeiro xeito mahometano, son tratadas coma se foran seres subordinados e non como parte da especie humana, cando se acepta como razón perfectible a distinción solemne que eleva o home sobre a creación animal  e pon un cetro natural nunha man débil.

Sen embargo, o feito de eu ser muller non debe levar ós meus lectores a supoñer que pretendo axitar con violencia o debatido tema da igualdade ou inferioridade do sexo, pero, como tropezo con el no meu camiño non o podo eludir, sen expoñer á interpretación errada a liña principal do meu razoamento, detereime un intre para expresar a miña opinión en poucas palabras. No ordenamento do mundo físico pódese observar que a muller, en canto a forza, é, en xeral, inferior ó home. É a Lei da Natureza e non parece que se vaia suspender ou revocar en favor da muller. Logo, non pode negarse certo grado de superioridade física, o cal constitúe unha prerrogativa nobre. Pero non contentos con esta preeminencia natural, os homes teiman en afundirnos inda máis para converternos simplemente en obxectos atractivos  para un anaco, e as mulleres, embriagadas pola adoración que baixo a influenza dos sentidos lles profesan os homes, non tratan de obter un interese duradeiro nos seus corazóns ou converterse nas amigas daqueles que atopan diversión na súa compaña.

Teño en conta unha inferencia obvia. Escoitei exclamacións contra das mulleres masculinas procedentes de toda parte, pero en que se basean? Se con esta denominación os homes queren vituperar a súa paixón pola caza, o tiro e o xogo, unireime coa maior cordialidade ó chamado, pero se vai contra a imitación das virtudes masculinas ou, falando con máis propiedade, da consecución de aqueles talentos e virtudes cuxo exercicio ennobrece o carácter humano, e eleva ás mulleres na escala dos seres animais, onde se as inclúe na humanidade, debo pensar que todos aqueles que as xulguen con talante filosófico teñen que desexar comigo que se volvan cada día máis e máis masculinas.

Esta exposición divide o tema de xeito natural. Primeiro considerarei ás mulleres como criaturas humanas que, en común cos homes, atópanse na terra para desenvolver as súas facultades; logo, sinalarei de forma máis particular as súas características.

Tamén desexo evitar un erro no que tropezaron moitos escritores respectables, porque a instrución que até agora se dirixiu ás mulleres máis ben foi aplicable ás señoras, agás o parecer o pequeno e indirecto que se verte a través de Sandford And Merton, pero ó dirixirme ó meu sexo nun ton máis firme, dedico unha atención especial ás  da clase media porque semellan atoparse nun estado máis natural. Quizais as sementes do falso refinamento, a inmoralidade e a vaidade teñan sido espalladas sempre polos poderosos. Seres débiles e artificiais, situados sobre os desexos e afectos comúns da súa raza de modo prematuro e antinatural, minan os alicerces mesmos da virtude e ciscan corrupción pola sociedade no seu conxunto. Como parte da humanidade, teñen o maior dereito á piedade; a educación dos ricos tende a volvelos vaidosos e desamparados e o desenvolvemento da mente non se fortalece mediante a práctica daqueles deberes que dignifican o carácter humano. Só viven para divertirse, e pola mesma Lei que produce invariablemente na Natureza certos efectos, pronto só abordarán diversións estériles.

Mais, como me propoño tratar separadamente os diferentes estratos da sociedade e o carácter moral das mulleres, de momento tal mención abonda; apenas aludín ó tema porque me parece que o significado dunha introdución é dar un breve cadro de contido que a obra presenta.

Espero que o meu propio sexo me escuse se trato ás mulleres coma criaturas racionais en vez de loubar as súas grazas fascinantes e consideralas como se estiveran nun estado de infancia perpetua, incapaces de valerse por si mesmas. Sinceramente desexo mostrar en que  consisten a verdadeira dignidade e a felicidade humanas. Quero persuadir ás mulleres para que traten de conseguir fortaleza, tanto de mente coma de corpo, e convencelas de que as frases suaves, o corazón impresionable, a delicadeza de sentimentos e o gusto refinado son case sinónimos de epítetos da fraqueza, e que aqueles seres que son só obxecto de piedade e desa clase de amor que se cualificou como a súa xemelga axiña se converterán en obxectos de desprezo.

Despois ó desbotar esas fermosas frases femininas que os homes usan con condescendencia para suavizar a nosa dependencia servil e ó desdeñar esa mente elegante e débil, esa sensibilidade exquisita e os modais suaves e dóciles que supostamente constitúen as características sexuais do recipiente máis fráxil, desexo amosar que a elegancia é inferior á virtude, que o primeiro obxectivo dunha ambición láudalle é obter o carácter dun ser humano, sen ter en conta a distinción de sexo, e que as consideracións secundarias deben conducir a esta simple pedra de toque.

Este é o bosquexo aproximado do meu plan, e se expreso a miña convicción coas enérxicas emocións que sinto cando penso sobre o tema, algúns dos meus lectores experimentarán o ditado da experiencia e a reflexión. Animada por este importante obxectivo, rexeitarei escoller as frases e pulir o meu estilo. Pretendo ser útil e a sinceridade farame máis natural, xa que ó  desexar persuadir pola forza dos meus argumentos en vez de deslumbrar pola elegancia da miña linguaxe, non perderei o tempo con circunloquios ou en fabricar expresións rimbombantes sobre sentimentos artificiais que proceden da cabeza e nunca chegan ó corazón. Traballarei nas cousas e non nas palabras, e desexosa de converter o meu sexo en membros máis respectables da sociedade, tratarei de evitar esa dicción florida que se deslizou dos ensaios ás novelas e destas ás cartas familiares e a conversación.

Eses pulcros superlativos, cando se escapan da lingua sen reflexión, vician o gusto e crean unha especie de delicadeza enfermiza que rexeita a verdade simple  e sen aderezo; e un diluvio de falsas sensacións e sentimentos desmesurados, ó afogar as emocións naturais do corazón, tornan insípidos os gozos domésticos que deberían suavizar o exercicio daqueles severos deberes que educan ó ser racional e inmortal para un campo de acción máis nobre.

A educación das mulleres, vense atendendo ultimamente máis ca en tempos anteriores. Emporiso, aínda se as considera un sexo frívolo e os escritores que tratan de que melloren mediante a sátira ou a instrución  ou ben as ridiculizan  ou amosan piedade. Sábese que adican moitos dos primeiros anos das súas vidas a adquirir unha noción superficial dalgunhas dotes; entrementres, sacrifícase o fortalecemento do corpo e a alma ás nocións libertinas de beleza, ó desexo de establecerse mediante o matrimonio —único modo no que as mulleres poden ascender no mundo. E como este desexo as fai simples animais, cando se casan actúan como se espera que o fagan as  criaturas; vístense, píntanse e alcúmanse coma criaturas de Deus. Certamente estes fráxiles seres só serven para un serrallo! Pódese esperar que gobernen unha familia con fundamento ou que coiden dos pobres infantes que traen ó mundo?

Logo, pode deducirse con exactitude da conducta presente do sexo, da inclinación xeneralizada cara o gozo que ocupa o lugar da ambición de daquelas paixóns máis nobres que abren e agrandan a alma que a instrución que recibiron as mulleres até agora só tivo, coa  implantación da sociedade cortés, a convertelas en obxectos insignificantes de desexo —simples propagadoras de parvos— Pode probarse que ó pretender adestralas sen cultivar o seu entendemento sacadas da esfera dos seus deberes, fanas parecer ridículas e inútiles cando pasa o breve florecemento da beleza, penso que os homes racionais me escusaran por intentar persuadilas para que se volvan máis masculinas e respectables.

Realmente a palabra masculinas é só un metemedos; hai pouca razón para temer que as mulleres adquiran demasiado valor ou forza, xa que a súa patente inferioridade con respecto á fortaleza corporal debe facelas en certo grado dependentes dos homes nas diferentes relacións da vida; pero, Por que debe aumentarse esta dependencia por prexuízos que poñen sexo á virtude e confunden as simples verdades con ensoños sensuais?

De feito, as mulleres atópanse tan degradadas pola mala interpretación das nocións sobre a excelencia feminina, que non creo engadir un paradoxal cando afirmo que esta debilidade artificial produce unha propensión a tiranizar e acolle a astucia, opoñente natural da forza, que as leva a completar o xogo con eses depreciables ademán infantís que minan a estima anque exciten o desexo. Que os homes se volvan máis castos e modestos, e se as mulleres non se fan máis sensatas na mesma proporción, quedará claro que posúen entendementos máis débiles.

Semella pouco necesario dicir que falo do sexo en xeral. Moitas mulleres teñen máis sentido que os seus achegados masculinos; e como nada pesa máis onde hai unha loita constante polo equilibrio sen que teña naturalmente maior gravidade, algunhas mulleres gobernan ós seus homes sen degradarse, porque o intelecto sempre gobernará.

Traducido por Martina Carracedo

Imaxe: https://rebelion.org/

Mostrar comentarios