A soidade dos nenos

nena e sombra

Miremos  esta foto un anaquiño, e fagamos un exercicio de empatía, si,  iso de pórnos no lugar do outro, neste caso desta nena, mirando a un adulto que a dobra ou triplica en tamaño, forza, e que ten unha postura claramente ameazante, se isto aínda non abonda probemos a sentarnos a rentes do chan e ó noso carón un adulto nesta mesma postura.

Podemos, agora, facernos unha idea, e sentir o mesmo que esa nena sente, que seguramente será: medo, soidade, pánico, se cadra.

A miúdo reflexiono sobre a pouca consciencia que temos referente ó dano que podemos causar nos nenos, tamén na pouca, escasa ou ningunha formación que temos nais e pais na tarefa máis importante da nosa vida, tal é a  de criar os fillos, e tamén e sobre todo na inmensa soidade e desprotección de moreas de criaturas que se enfrontan a diario a nais e pais estresados, nerviosos, deprimidos, ocupados.

Cando nós, adultos,  nos empeñamos en esconder a realidade da nosa propia infancia, en xustificar os malos tratos dos que fomos obxecto polas nosas nais e pais co gastado discurso de: fixerono polo noso ben, a parte de mentirnos a nós mesmas, e así non conseguir nunca avanzar, estamos perpetuando ese maltrato.

Para sair deste círculo vicioso, debemos darnos permiso para chorar, para cabrearnos, para alporizarnos, por todo iso que sufrimos de pequenas e que dende logo por moito que se diga non foi “polo noso ben”[i], podemos dicir ou polo menos dicirnos, que nos fixeron dano, que tivemos medo, que non nos sentimos: queridas, valoradas, mimadas, protexidas, que aquilo que nos pasou non tería pasado se mamá estivese atenta, que papá non o fixo ben, que nos magoran, que nos eibaron.

Por qué perdemos o control a veces de xeito desproporcionado coas xustas demandas dos nosos fillos, análicemos isto; o outro día lin o relatato dunha nai onde ela mesma se asustaba ante a violencia das súa reaccións ante algúns comportamentos dos seus fillos[ii] , segundo a opinión da miña terapeuta isto é porque as emocións reprimidas na nosa infancia actualízanse cando nos convertimos en nais e repetimos, repetimos, repetimos.

Pode que non o fagamos moi ben, ou incluso que nos demos conta de que o facemos bastante mal, sexamos conscientes e tratemos de rectificar e mellorar, non nos quedemos atascadas en xulgarnos e maltratarnos diso xa tivemos bastante, pola contra aprendamos a querernos, e a medida que nos queiramos máis, que nos gustemos, que nos respetemos, o trato cos nosos fillos mellorará.

[i] Recomendo o libro de Alice Miller titulado así Por tu bien.
[ii] Pódese ver o artigo enteiro aquí: http://www.huffingtonpost.es/wendy-bradford/las-cosas-que-como-padres_b_4588020.html
Mostrar comentarios