“Non me gusto, quero cambiar”. Esta frase de Yvonne, coa que eu fixen un logo curso impactoume dun xeito extraordinario, e sentinme completamente reflexada nela e, xa que logo, asumina como propia, e inciei o meu proceso de transformación.
Se a ti tamén che di algo, se che remove por dentro, tamén a podes aprehender, e iniciar un novo camiño na túa vida.
Estamos a falar de non gustarnos cómo somos, cómo nos comportamos. Non se trata de por exemplo: é que teño o nariz moi respingón e vou facerme unha cirurxía, ou poñer as tetas máis grandes, ou quitar un pouco de grasa da barriga.
Estamos a falar de mirarse para dentro. Si mirarse para dentro que por moito que Silvio Rodríguez cante “no cuesta nada mirarse para dentro”, aquí, mira ti, non concordo con el, e xa é raro.
- Primeiro paso para cambiar: decidir conscientemente e firmemente querer facelo.
- Segundo é fundamental: Faino por TI.
E a partires de aí, xa, empezar a traballar, igual antes de meternos en fonduras podemos empezar por cousas sinxelas. Eu por exemplo, decateime de que no meu roupeiro a cor negra, gañaba con moito ó resto de cores. E tomei a decisión de cambiar isto, segueme gustando esta cor pero dende logo non vai predominar do xeito que o facía, no meu armario, nunca máis.
Traballa co espello, igual un corte de pelo diferente, igual tinguirte dunha cor algo máis atrevida; indaga, estudia, afonda decide, actúa.
Seguro que hai algo que che apetece facer hai un lote de tempo, non sei, ir a bailar, ver unha actuación musical, de teatro, monicreques, eu que sei… indaga, estudia, afonda, decide, actúa.
Un truco; actuar coma no caso deses programas de doce pasos para deixar calquera dependencia: metas a curto prazo. Isto é o que vou cambiar, agora, hoxe, e mañán outra cousa. Así con paso lento pero seguro.
Ollo con ese moscón que che pode andar dando o coñazo no teu pensamento:
- non merece a pena
- eu non podo
- agora xa é demasiado tarde
- que pensarán, que dirán
Busca unha palabra comodín, o noso #galego# ten unha espectacular, un monósilabo que pode deixar conxelado o pensamento máis impertinente: XO.