Esta pregunta leron os meus ollos nun xornal dixital dos que poderían entrar na categoría de serios ou non sensacionalistas cando menos, logo a pregunta sorprendeume, e non só iso, así de socate, varias respostas abrocharon, tal choiva de ideas, iso que os ingleses definen nunha soa palabra “brainstorm”:
- Arrancalo cunha culler
- Lanzarte pola fiestra
- Arrancar os pelos da cabeza
- Coller unha caixa de panos e verter bágoas até morrer afogada
- Chamar as persoas máis queridas para despedirme delas
- Facer unha festa, festa non, mellor unha orxia ou unha bacanal, ou….
Non sei… un lote de cousas viñeron á miña cabeza en poucos segundos, se cadra tampouco era mala idea pedir cita para unha consulta médica, ou aínda achegarte polas urxencias do hospital. É un dicir.
Recuperada deste momento de: en serio, estou lendo esto? de que van? Son parvos ou fanse?
Por que a maiores a foto que estaba enriba desta pregunta amosaba unha muller sentada enriba dun sofá apalpando coas mans a barriga (non lembro se era do lado dereito onde se supón que está o fígado, ou do esquerdo que non sei eu que habera por aí no lado sinestro, ese lado escuro da forza).
Pór unha foto dunha muller escarranchada non lles pareceu apropiado, imaxino, e aínda así non ía ser doado que viramos ese bulto, porque como xa dixemos aquí un día a vaxina é un conducto fibromuscular elástico que se extende dende a vulva ata o cuello uterino ou cérvix, vamos que confundiron vaxina con vulva, non lles poño culpa a min tamén me ten pasado malia a ter unha na entreperna. Xa se sabe, arrastramos, neste país, moitos anos de atraso no que a educación sexual se refiere.
Emporiso, xa non me parece unha nova tan desafortunada (non puden afondar no tema porque a noticia, supoño que dada a súa importancia vital, estaba capada, quero dicir que só tiñan acceso os suscritos ó xornal), case que ata me gusta, deume para un anaco de entretenemento porque xa estou farta, supoño que como vosoutras, de guerra, de chiringuitos, de abusos, até de pegasos. Mira que é fermosa a imaxe deste cabalo alado fillo de Medusa e Poseidón, pois han conseguir que o aborrezamos.
Martina Carracedo.
Imaxe de: www.pinterest.com