Que fago se noto un bulto na vaxina? & Novas de recheo nos xornais?

Esta pregunta leron os meus ollos nun xornal dixital dos que poderían entrar na categoría de serios ou non sensacionalistas cando menos, logo a pregunta sorprendeume, e non só iso, así de socate, varias respostas abrocharon, tal choiva de ideas, iso que os ingleses definen nunha soa palabra “brainstorm”:

  • Arrancalo cunha culler
  • Lanzarte pola fiestra
  • Arrancar os pelos da cabeza
  • Coller unha caixa de panos e verter bágoas até morrer afogada
  • Chamar as persoas máis queridas para despedirme delas
  • Facer unha festa, festa non, mellor unha orxia ou unha bacanal, ou….

Non sei… un lote de cousas viñeron á miña cabeza en poucos segundos, se cadra  tampouco era mala idea pedir cita para unha consulta médica, ou aínda  achegarte polas urxencias do hospital. É un dicir.

Recuperada deste momento de: en serio, estou lendo esto? de que van? Son parvos ou fanse?

Por que a maiores a foto que estaba enriba desta pregunta amosaba unha muller sentada enriba dun sofá apalpando coas mans a barriga (non lembro se era do lado dereito onde se supón que está o fígado, ou do esquerdo que non sei eu que habera por aí no lado sinestro, ese lado escuro da forza).

Pór unha foto dunha muller escarranchada non lles pareceu apropiado, imaxino, e aínda así non ía ser doado que viramos ese bulto, porque como xa dixemos aquí un día a vaxina é un conducto fibromuscular elástico que se extende dende a vulva ata o cuello uterino ou cérvix, vamos que confundiron vaxina con vulva, non lles poño culpa a min tamén me ten pasado malia a ter unha na entreperna. Xa se sabe, arrastramos, neste país, moitos anos de atraso no que a educación sexual se refiere.

Emporiso, xa non me parece unha nova tan desafortunada (non puden afondar no tema porque a noticia, supoño que dada a súa importancia vital, estaba capada, quero dicir que só tiñan acceso os suscritos ó xornal), case que ata me gusta, deume para un anaco de entretenemento porque xa estou farta, supoño que como vosoutras, de guerra, de chiringuitos, de abusos, até de pegasos. Mira que é fermosa a imaxe deste cabalo alado fillo de Medusa e Poseidón, pois han conseguir que o aborrezamos.

Martina Carracedo.

Imaxe de: www.pinterest.com

Mostrar comentarios