Rosalía o "noso primeiro poeta universal".
Pois veredes, rematei o libro que estaba lendo e pensei que como mañán é o día das Letras Galegas, pois coller algo da nosa insigne Rosalía de Castro a quen se lle debe a existencia desta data festeira das letras e collín, logo, esta edición de bolsillo do seu "Cantares Galegos".
Ata aquí todo ben, pasei as follas con atención que eu dende que autopublico libros, ademáis de lelos, miro e remiro as páxinas preliminares, de qué edición se trata, quen diseñou a capa, estas cousas, e pasados os digamos créditos e tamén o título topamos con un limiar, que non asina ninguén, pero que remata con este paragrafo que vos comparto:
«.. A todos estes méritos de tipo histórico e cultural hai que engadir os que son espedificamente literarios e que lle dan a esta obra o valor permanente que a crítica lle ten recoñecido dun xeito unánime. Merecen destacarse, entre outros, a sinxeleza e o equilibrio espresivos, a viveza lingüística, a naturalidade e o firme deseño nas descripcións. Son os valores esenciais dun poeta universal: o primeiro poeta universal das nosas letras».
Mimá!!! Agora resulta que a nosa Rosalía tívonos a todas enganadas e en realidade era un home.
A edición é do 1993, en verdade pasaron unha chea de anos, 30, penso, que eu son moi boa en cálculo pero cun lapis na man, que así de cabeza vou xustiña, e teño a esperanza de que hoxe esto non acontecería, ou si???
Gozade deste día das nosas letras, usando a nosa língua, lendo, escribindo, falando, que é a mellor maneira de facelo.
Despídome hoxe cunhas verbas deste libro da nosa poeta universal:
«... Duro cravo me encravaches
con este teu maldecir,
con este teu pedir tolo
que non sei que quer de min,
pñois inche canto dar puden
avariciosa de ti.
O meu corazón che mando,
cunha chave para o abrir
Nin eu teño máis que darche,
nin ti máis que me pedir».
Martina Carracedo