un home que (me) faga unha limpeza profunda do baño

Estaba eu por aí dando voltas na cociña, a radio sempre acesa.

Cando digo radio, si, refírome a ese aparatiño que emite seica en forma de ondas, e en distintas frecuencias. Tiven que rescatar este compacto, que tamén ten lector de cintas e de CDs,  do faiado porque Siri marchou.

‌‌

Os meus frikis ma deron e os meus frikis ma quitaron, e ben que a estraño, que este aparatiño oes por veces como no caso que vos relato solta algo interesante pero na maioría das ocasións, deixa moito que desexar, cando non da puto noxo, estes sobresaltos acontecen cando procurando algo mellor  tropezo con radio María, que ollo; van invocar ó espírito santo.

‌‌

O que íamos, andan na radio, aínda, coa resaca do San Valentín, que mesmo parece que vexamos todo de cor bermella e en forma de corazón, tal é o bombardeo o que nos someten, pois estaban, digo, dúas mulleres falando dun caso moi soado dun estafador-conquistador, que contactaba con mulleres nunha rede social (tinder) facéndose pasar por vendedor de diamantes ou algo así, que por suposto viaxaba por todo o mundo. En fin, de primeiras un encanto, facialles regalos, aparecía dende o cabo do mundo para cear. En fin,  que logo de encatusalas pois, empeza a pedirlles cartos porque a súa vida ou a da súa familia corre perigo e consigue arruinalas. Seica foron varias mulleres que á fin se uniron, e van facer, ou fixeron un documental.

‌‌

O tipo é todo un profesional, porque creo que non conseguiron encerralo, supoño que as estafadas deron os cartiños de xeito voluntario.

‌‌

Entrevistada e entrevistadora, avanzan na conversa e empezan a enumeran algunhas preguntas que se deberían facer nunha primeira cita, por exemplo:

‌—Es feminista?

‌‌

Ante a menor dúbida, tos, aceno de rañar na cabeza, patadiñas nerviosas co pé no chan, Rexeitar, e sen preocuparse nin de pagar a conta marchar dalí ás carreiras.

‌‌

Finalmente como característica positiva sinalouse esta moi interesante e que a min me chamou a atención,  e fíxome deter no que queira que estivera facendo e achegar a orella algo máis preto para escoitar mellor.

‌‌

—Si, un home que faga unha boa limpeza dos baños, e non que ma faga, porque se vive aquí o baño tamén o usa e non me está facendo favor ningún.

‌‌

Estas cousas que parecen tan sinxelas e canto custa instauralas verdade? Incluso a moitas mulleres sei eu que lles da repelux, ver un home anicado, ensiando a raghaña, e metendo a escobiña  e un chisco da cabeza tamén, no retrete.

‌‌

Avanzaremos e algún día esto será unha cousa tan común que a ninguén lle estranará nin lle chamara a atención.

‌‌

Non vai ser fácil atopar a imaxe para esta entrada, xa volo digo eu.

‌‌

Martina Carracedo

‌‌

Imaxe dea: www.freepik.com

‌‌‌‌‌‌‌‌‌‌‌‌‌‌‌‌‌‌

Mostrar comentarios