Feliz día do libro 2023

Moi feliz día do Libro.

Para festexar esta data tan importante para as amantes dos #libros vouvos compartir a miña historia con este.Tocaba lelo no meu club de lectura polo que me dirixín á biblioteca do pobo por se o tiñan.

Detrás da mampara de cristal, que lembra a pandemia aínda recente, sorprendeume a cara dunha muller que non esperaba atopar alí, porque recentemente sufrira a perda do seu home e da súa nai no breve prazo dunha semana.  Coñecémonos e temos un certo trato, sen embargo, mirando os seus ollos comprendín que non debía pronunciar fórmula ningunha do tipo: síntoo moito, acompáñote no sentimento... porque se o facía ela derrubariase.

Collín o móbil e amoseille a mensaxe onde estaba o título do libro que eu aínda non vira e que que lin naquel momento, maldicindo a tan pouco oportuna casualidade. "Os seres queridos" ese era o título do libro. Merda!!! dixen para min mentres ela foi na procura do susodito, voltou e anotou a data na que debería ser devolto. Atrapeino con rabia e marchei case ás carreiras cunha estrana sensación.

Penso que esa sensación aínda estaba presente cando comecei a lectura e penso que continuou case ata o final. Era coma unha especie de anoxo que non impediu que avanzara na lectura, pola contra lino dun xeito ansioso e só cando rematei me sentín aliviada.Ata aquí vos podo contar por se queredes lelo, nas súas páxinas a autora, Berta Davila trata temas moi importantes: #embarazo, #parto, #crianza, #aborto, #depresión, #maternidade, #soidade....

Martina Carracedo

Mostrar comentarios