Nosa señora das letras X. Aurora Marco

Si, sen dúbida ningunha, onte foi un gran día!

A muller que vedes na foto é Aurora Marco, nomeada pola Sega como  Nosa señora das letras deste ano 2023, no momento de recibir un pequeno agasallo, porque o agasallo maior foise desenvolvendo ó longo de todo o día.

Nesta páxina temos falado das anteriores Señoras das letras, este ano tiven a sorte de poder asitir e gozar desta romaría que aconteceu no parque de San Roque en Ribeira.

O día estivo cheo de cariño, respecto e admiración deitado por todas as participantes cara á figura de Aurora Marco, que en numerosas ocasións non puido agachar, nin falta que fixo, as bágoas pola emoción.

Coñécemos e saúdamos neste día a autora dese libro que tanto nos gustou: "Seique" (falaremos del nunha outra ocasión), Susana Sánchez Aríns, que foi a encargada de nos  cumprimentar co roteiro imaxinario pola vida e obra de Aurora. Foi un gozo escoitar as palabras de Susana protexidas do sol polas agarimosas árbores e coa  presentida e cercana presencia do mar.

Se cadra, algunhas de vosoutras non sabedes moito desta extraordinaria muller cunha carreira brillante. Non importa, iso ten fácil amaño, tampouco eu son gran coñecedora da súa obra pero xa estou pondo remedio a eso, hoxe mesmo recollín na biblioteca o seu libro: "Irmandiñas" e vouvos compartir a información da súa obra que vén na contracapa do mesmo para que vexades de que colleita tan abondosa estamos a falar e que tan merecido ten o premio que ven de recibir:

«Aurora Marco, catedrática xubilada de didáctica da L. e Literatura Galega da USC, autora de numerosa obra, nos últimos trinta anos centrouse na recuperación e visibilización das mulleres galegas. Dos seus libros salientan: Foula e Ronsel. Os anos xuvenís de Carvalho Calero. As precursoras. Mulleres e educación en Galiza. Avilés de Taramancos: Un francotirador da fermosura. Ramiro Paz Carbajal. Unha vida segada pola barbarie. Diccionario de mulleres galegas. Mulleres na guerrilla antifranquista galega. Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana. Premios: Tomás Barros. Anxel Fole. Luís Tilve. Sereo da Cultura. Mulleres en Acción. Galiza Mártir. Mártires da Liberdade.

Coma en toda romería que se prece non faltou a comida e a música; a comida cadaquen levou o seu e alí se compartío en harmonía, da música encargouse Barahunda. Foi outro agasallo escoitar a fermosa voz de Elena acompañada pola guitarra de Jose.

Encantounos coñecer Aurora, poder compartir este fermoso día e agradecerlle que rescatara do esquecemento a tantas mulleres. Nosoutras dende esta nosa humilde páxina presentámosvola a todas vousoutras  e mandámoslle unha enorme aperta e os nosos parabéns.

Martina Carracedo

Mostrar comentarios