Vouvos facer un regalo

É algo que me gusta a min moito, iso de facer regalos intanxibles, impalpables, intocables,  non sei se as persoas que os reciben lles aquela ou se amosan agradecidos por non pareceren descorteses.

Sexa como fór, neste caso vouvos regalar unhas cuantas palabras:

gavela, cavorco, bulleiro, galla, fardelo, tareco, pandote... Penso que con estas abonda. Ás nadas na parte oriental do noso país faranselle coñecidas, non o serán tanto para as da outra banda.

Tocou ler este libro no meu clube de lectura cuxo autor, Xabier Quiroga,  era completamente descoñecido para min, pero con moi boas referencias. Emprendín a lectura co interés que poño en calquera libro que pousa nas miñas mans, enseguida me decatei que compría ter  un diccionario á man, tal é a riqueza de vocabulario coa que o autor nos agasalla e tamén por veces nos abraia. Mais entre moitas verbas descoñecidas apareceron estas que vos comparto que eu non adoito usar pero que me son moi coñecidas e ata diría queridas por pertencer a fala das miñas avoas nadas elas en terras de Valdeorras.

O libro cóntanos a historia dun neno sen nome que a min me lembrou un pouco ó Balbino de Neira Vilas; "un rapaz da aldea, un ninguén". Non vou dicir máis nada, somentes que a maiores da emoción polo contido da historia gocei da lembranza destas verbas en especial: agavelar, que non a atopei no diccionario pero que os meus antepasados usaban coma coller no colo, eu penso que aínda no sentido de agarimar, acariñar.

Con cariño vos mando un aperta, seguide a gozar do verán.

Martina Carracedo

Mostrar comentarios