Mamá o único que preciso é a ti!!

Se os bebés dende a barriga lle puideran falar ás súas nais respectivas estou segura que cando as ven medio tolas aquelando todo o preciso para a súa chegada; Cuna, berce, cueiros, chaponas, carriño e un longuísimo etcétera, coido que lle dirían algo así: "mamá! tranquila. eu non preciso tantas cousas, a metade da roupa que tes non me vai dar tempo a poñela porque no primeiro ano vou medrar moitísimo. Tampouco vou precisar nin cuna, nin hamacas, nin berces, o que eu quero é estar todo o día pegado a ti e á teta que vai ser durante un tempo o meu lugar favorito."

Ocorréronseme estes pensamentos porque teño unha amiga que está esperando a súa primeira neta, feito que me fixo viaxar o pasado cando eu estaba nesa mesma situación, e comportábame o mesmo ca ela, preparando un lote de cousiñas coa maior das ilusións. Hoxe nove anos despois, uns cuantos libros lidos, algunha terapia practicada, e moitas vendas tiradas de diante dos ollos, non podo evitar unha sorrisa ó lembrarme a min propia.

Cando me enterei o primeiro que fixen foi regalarlle o libro de Carlos Gonzalez  "Un regalo para toda la vida" para que llo faga chegar á súa filla e a ver se recibimos como se merece a esa nena preciosa que vai ser Adriana, que coma todos os bebes o único que vai precisar é  moito amor, moita teta, moitos mimos, moito coliño, e todas esas cousas materiais polas que mamás e avoas tanto nos preocupamos non teñen, en realiade, moita importancia.

Os meus mellores desexos para ti Adriana.

Martina Carracedo

Mostrar comentarios